Na mitoloxía grega, Medusa ("gardiana, protectora") era un monstro, unha gorgona, xeralmente descrita como unha muller con cobras velenosas no canto do cabelo. Ollar directamente a ela convertía á xente en pedra. Varias fontes descríbena como filla de Forcis e Ceto, mais o autor Hixino (Fabulae, 151) interpón unha xeración e dá a Medusa outro par de pais ctónicos.
Medusa foi decapitada polo heroe Perseo, que posteriormente usou a súa testa como unha arma ata que lla deu á deusa Atenea para que a puxese no seu escudo. Na antigüidade clásica, a imaxe da cabeza de Medusa aparecía no obxecto protector do mal coñecido como Gorgoneion.