seu nacemento no segundo terzo do século XIX, nun lugar impreciso chamado Moedo, outórgalle o nome de Pepiña e considéraa filla de nai solteira e, se cadra, dun albeite, individuo que, máis tarde, habería de violar a nai de Pepa, feito presenciado pola propia meniña. Desta acción derivou un embarazo e parto, en que a violada perdeu a vida. A consecuente orfandade da rapariga forzouna a levar unha vida difícil, tutelada por Dorinda, unha tía cruel e intereseira. Á idade de doce anos, o enfrontamento cun lobo que tentou atacar o rabaño de ovellas que Pepiña coidaba e a morte do animal perante a valentía da nena, que encirrou o seu can contra o atacante, foi o episodio que marcou a orixe da lenda e o seu alcume. Obrigada por Dorinda a exhibir o cadáver do animal, como mostra da súa fazaña, a Loba -agora así chamada- percorreu aldeas e camiños. Co devalo do tempo, pasou a traballar nunha tenda de ultramarinos propiedade dun irmán do seu pai, home que a acolleu, que lle sufragou a instrución básica e nomeouna herdeira universal.
O asasinato do seu tío, levado a cabo polo seu propio irmán -pai de Pepa- para se apoderar dos bens do morto, mudará o destino da muller. Acusada do crime e condenada nun xuízo amañado, pasa anos na cadea até a súa fuxida, vestida coas roupas do cura da prisión, a quen despoxara delas. Adquirida a liberdade, o seu primeiro acto será a busca de vinganza e de xustiza, e daralle morte ao seu pai coa axuda do seu can chamado Lueiro. Desde este instante, converterase en capitá dunha gavela de homes que cometerá crimes, roubos e asaltos en camiños, encrucilladas, facendas, pousadas e reitorais, situadas en lugares espallados pola xeografía galega como O Courel, Ferrol, Ourense, Ribadeo, norte de Pontevedra, Vilalba ou Mondoñedo. Tal dispersión xeográfica da súa acción suxeriu a hipótese de que en Pepa a Loba converxen, en realidade, distintas mulleres; outra hipótese que, xunto coa súa suposta procedencia –e lugar de refuxio-; da Serra da Loba, de onde tomaría o seu alcuño, contribúe a fortalecer os seus contornos míticos.
O perfil da Loba flutuará entre a opinión que salienta nela crueldade, salvaxismo, brutalidade, cólera e inxustiza –asegúrase que a súa máxima foi “home morto non fala”– e a que a define como un ser que, empurrado polas circunstancias, se ve na obriga de actuar destemidamente, aínda que mantendo doses de tenrura, rectitude e, sobre todo, afouteza, o cal lle permitiu capitanear, con man enérxica, a súa banda até, talvez, a fin dos seus días, feito acontecido en modo, lugar e tempo ignorados.
Fica por explorar a posible relación entre Pepa a Loba e a raíña Lupa, ou Loba. O feito de as dúas partillaren igual alcume, a confusión existente na vila de Lobeira entre ambas as persoas, a posesión de riquezas por parte da raíña, a consideración de que o tesouro supostamente existente na torre de Caldaloba, en Cospeito, pertence a Pepa a Loba ou a inflexibilidade no castigo dos delatores inducen a pensar nunha superposición de mitos populares.
Pepa a Loba achégase tamén ao personaxe folclórico galego da peeira de lobos, muller que, fuxida ao monte como consecuencia da acción dunha fada, leva a cabo actos reprobables.