O feminismo ourensán, o feminismo galego, botouse á rúa un ano máis para denunciar as violencias machistas. Violencias que nos ridiculizan, que nos acosan, que nos agreden, que nos violan, que nos asasinan. Porque o machismo violenta as nosas vidas e ataca á nosa liberdade como persoas. Vivimos un estado de excepción de terrorismo machista no que, dende que hai cifras oficiais, o ano 2003, contabilízanse 1.028 feminicidios. Mulleres asasinadas por homes en todo o estado. 62 en Galiza desde 2010, 6 mulleres asasinadas este ano no noso país e co asasinato de Sara, de 26 anos en Tenerife, o día contra as violencias contra as mulleres, 52 é a cifra oficial en España, pero o colectivo Feminicidio.net eleva o número de feminicidios e asasinatos a 94. Pero ademais, dos asasinatos, inadmisibles, a violencia patriarcal maniféstase de múltiples maneiras distintas. Na rúa, no traballo, no ámbito doméstico e tamén nas propias institucións.
Disto é do nos falaron nosas convidadas no Café Cultural el Pueblo. Están as nosas institucións concienciadas do grave problema do machismo? Podemos falar de institucións despatriarcalizadas? Os concellos, a universidade, a propia xudicatura, están a emprender a transición feminista ou estanse a dar pasos cara atrás?