Listen

Description

Na actualidade Os Lubicáns son un Cuarteto con gaita, frauta, tambor e bombo, integrado por:

Félix Castro: Gaita de Faustino Santalices toque pechado en Do
Cástor Castro: frauta de madeira en Do grave
Marcos Saburido: tambor (modelo Faustino Santalices) e caixa
Diego Iglesias: Bombo.

Con esta formación pretenden revalorizar e difundir o repertorio e estilo dos gaiteiros ourensáns e o toque pechado da provincia de Ourense, do que Faustino Santalices e Modesto Sánchez, por citar algúns exemplos, foron dous dos máximos exponentes.

O nome do grupo provén da verba Lubicán, coa que se nomea na Limia e parte de Zamora ao lince, animal de natureza fuxidía e case invisible. En contra de todas as estadísticas oficiais que negan a súa presenza a día de hoxe na Galiza, nós persoalmente estamos certos de que están entre nós, axexándonos dende a Serra de San Mamede, Manzaneda, Queixa ou o Xurés. Crer non cremos neles, pero habelos hainos.

Do mesmo xeito a música dos Lubicáns artéllase cun repertorio íntegramente ourensán, resultado de máis de vinte anos de recolleitas aos gaiteiros na provincia.

Os Lubicáns reivindican o legado dos gaiteiros solitsas rurais, verdadeiros gaiteiros comunitarios anónimos que a pesar da súa aparente invisibilidade por vivir afastados das grandes urbes galegas e non chegar en moitos casos a realizar gravacións sonoras de ningún tipo durante o século pasado, foron quen de manter viva a música tradicional cun sabor e estilo especial moi característico, primando a función do baile, como amosa todo o xénero de músicas bailables que interpretan (mazurcas, medios pasos, fox, valses, pasodobles, polcas, rumbas, xotas, muiñeiras)”