Listen

Description

Capítulo 1 - A Barcarola e os Graxos da Burga

O documento de audio que presentamos o Día Mundial da Narración Oral, pretende reforzar o traballo a prol da visibilización do patrimonio da A. C. Bela Auria, e ao mesmo tempo, homenaxear ao colectivo tras 10 anos de actividades na vila de Ourense.

Os Graxos da Burga, recollidos dun relato de V. Lamas Carvajal, simbolizan o patrimonio inmaterial e esquecido auriensiano; unha historia de carácter localista, mais tamén universal. Escollemos iste formato para facilitar a súa difusión, e porque o conto contado é o xeito tradicional de transmitir de xeración en xeración a nosa cultura e experiencia.

Os Graxos da Burga foi un dos conceptos que máis evolucionou desde as iniciativas da Bela Auria, formando parte transversal de case todas as propostas da asociación. Escritores como X. L. Méndez Ferrín ou D. Ameixeiras, músicas como as do Sonoro Maxín, participan coas súas obras do recoñecemento a istes personaxes extraordinarios, co obxectivo de que “non desapareza esta caste”; porque o patrimonio é cousa de todas e todos.

O documento non se podería ter producido sen a colaboración da Bela Auria, Radio Liverdade, A Galleira e por suposto Emilio e Ico; graxos enxebres onde os haxa. Aproveitamos para agradecer aos Sonoro Maxín por prestarnos “o que nós quixemos” e a todas aquelas persoas de ben, que colaboraron con nós ao longo distes anos. Aquí tedes polo tanto un recurso, unha ferramenta para a transmisión do patrimonio auriensiano; para todos os públicos e que se pode distribuír libremente.

Longa vida á Bela Auria, e ao patrimonio de Ourense!