Listen

Description

Ola! Que tal estades logo do parón do verán e o inicio do curso?

Precisamente a volta ás aulas vai ocupar parte deste 10º episodio de SONUVigo no que escoitaremos as valoracións do reitor e de varios vicerreitores e tamén as impresións, sensacións e aspiracións de algúns de vós que decidistes elixir a UVigo como a vosa universidade.

Na UVigo desenvolve desde hai anos a súa actividade investigadora e tamén docente a enxeñeira Belén Riveiro, que xunto a investigadores da UVigo e da Universitat Politècnica de València (UPV), publicaba recentemente na revista 'Nature' os resultados dun estudo no que descubriron por que as pontes -en concreto, as de celosía de aceiro- non se derruban cando se ven afectadas por un evento catastrófico -un impacto, un terremoto etc.

Belen Riveiro nos explicará os detalles deste estudo e outra Belén, neste caso, Rubio, a vicerreitora de Investigación, falaremos sobre a G-Night, que se celebrará o vindeiro venres 26 de setembro.

O Servizo de Publicacións da UVigo ten novo director, o docente e investigador do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá David Tizón co falaremos dos seus plans á fronte deste servizo que recentemente sacaba á luz a obra Voces de Mujeres. 100 voces, 100 vidas, 100 historias compartidas. María Méndez, unha das súas autoras, achegaranos a este volume coral que recolle as historias e testemuñas dun cento de mulleres de diversas orixes, procedencias e condicións sociais que reflexionan sobre que significa ser muller nun mundo patriarcal.

Coa directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Yolanda Rodriguez, achegarémonos ao Mapa de coidados no que están a traballar, mentres que con Rebeca Díaz, a directora da Escola de Enxeñaría de Comunicación coñeceremos os pormenores do Plan de Integración da IAX (A Intelixencia Artificial Xenerativa) na docencia dos graos no que traballan o seu centro, xunto as escolas de Enxeñaría Industrial e Enxeñaría de Minas de Enerxía do campus de Vigo.

E tras repasar o máis destacado dunha Axenda que vén moi cargada neste inicio de curso, remataremos escoitando á recente campioa do Mundo de Maratón na proba de K2 Sénior. Falamos de piragüismo e falamos de Tania Álvarez, que ademais de deportista de elite é docente da UVigo, recoñecida hai uns meses nos Premios Carreira Dual, que outorga o Consejo Superior de Deportes.

Feitas as presentacións, recibide un saúdo de María del Carmen Echevarría. Benvidas, benvidos. Aquí comeza unha nova tempada e un novo episodio de SONUVigo, o podcast da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo.