Listen

Description

Que tal estades?

Aquí comeza un novo episodio, o que inaugura a segunda tempada de SONUVigo, o podcast da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo.

Neste episodio de SONUVigo falaremos das eleccións á Reitoría que se celebrarán o vindeiro mes de maio, escoitando á primeira candidata que confirmou que concorrerá ao cargo: refírome á catedrática e actual vicerreitora de Investigación Belén Rubio, que xa foi designada como candidata da formación H2040. 

Precisamente, alguén que foi reitor da UVigo entre os anos 1998-2006, Domingo Docampo acaba de xubilarse e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, da que foi director e director de departamento rendeulle unha cálida homenaxe, da que lembraremos algúns momentos.

Teremos tempo tamén para escoitar aos catedráticos Laura Carballo e Juan Pou, recentes medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias, e tamén de descubrir da man de Beatriz Comendador, profesora titular da área de Prehistoria da UVigo e investigadora do grupo GEAAT, o rico patrimonio arqueolóxico que agocha o campus de Vigo.      

Como é habitual SONUVigo sempre reserva un tempo para escoitar ao alumnado e neste episodio imos facelo por partida dobre. Dunha banda achegarémonos a coñecer un pouco máis a algúns das persoas matriculadas no Programa Universitario de Maiores o PUM, ao que este curso se incorporaron uns 150 estudantes de máis de 55 anos. E doutra banda, comezaremos a descubrir a través dos relatos das e dos seus protagonistas que é ser un ou unha estudante estranxeira na UVigo. Manon Choquart, unha alumna francesa que estuda este curso na Facultade de Filoloxía e Tradución e Orestis Maraziotis, un estudante grego do programa de doutoramento da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación serán os nosos primeiros protagonistas.

Repasaremos a Axenda e teremos tempo tamén para falar de deporte coa coordinadora da nova Cátedra de Deporte e Saúde, a profesora da Facultade de Fisioterapia Rocío Abalo. E como tamén cómpre cultivar a mente, seguiremos descubrindo algúns dos libros que saen do noso Servizo de Publicacións. Nesta ocasión será o docente e economista da UVigo, Albino Prada quen nos presente o seu último ensaio El regreso de China. La globalización imposible.

Recibide un episodio máis o saúdo de María del Carmen Echevarría. Xa sabedes que podedes escoitarnos nas principias plataformas de audio sempre que queirades. Benvidas, benvidos. Aquí comeza SONUVigo!