Ola! Que tal estades? Benvidas e benvidos ao 6º episodio de SONUVigo, o podcast da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo.
Neste episodio invitámosvos a afondar nas titulacións que a UVigo oferta ao alumnado, a ese que por vez primeira chega ás súas aulas e tamén a aquel que decide formarse nas etapas máis avanzadas da súa vida. Por que se ofrecen uns graos e non outros? Como se pode modificar a oferta académica? Por que hai titulacións que atraen, curso tras curso a centos de estudantes, mentres outros no acadan as cifras de ocupación agardadas? A estas, entre outras preguntas, intentaremos responder coa colaboración do vicerreitor de Titulacións e Innovación Educativa, Alfonso Lago, e do secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, e tamén coa testemuña dos e das responsables dos centros da UVigo onde se imparten algunhas das titulacións máis e menos demandadas polo estudantado.
Neste tempo de SONUVigo falaremos coa investigadora do grupo EPhysLab,do CIM,do campus de Ourense Raquel Nieto sobre as súa participación en dúas destacadas publicacións científicas e aproveitaremos para reiterar os riscos que convela o cambio climático.
Por certo que o cambio climático é unha desas cuestións que desde hai anos algúns sectores da sociedade se empeñan en negar. Un claro exemplo de falta de rigor, neste caso científico, e tamén informativo que se traslada á opinión pública a través de 'fake news' ou loiadas, no noso idioma. Formar o alumnado contra a desinformación é precisamente a finalidade DIXITAIS, o laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática, que no ano 2019 puxo en marcha o docente e investigador da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, Alberto Dafonte. Con el e cos traballos do seu alumnado aprenderemos a detectar e combater este problema.
Dedicaremos un tempo a falar de emprendemento co gallo da recente entrega dos premios Incuvi, cos que a UVigo recoñece as iniciativas empresarias do seu alumnado, que por certo, unha vez que abandona a institución, como é posible saber a súa situación de empregabilidade? A resposta é a través dunha macroenquisa que está a realizar o Observatorio das Persoas Tituladas e na que, se estudiaches na UVigo entre os anos 1990 e 2024 estás invitado e invitada a participar.
E aínda teremos tempo de repasar o máis destacado da Axenda destas próximas semanas e remataremos falando de dúas actividades que teñen a tecnoloxía como punto en común. Dunha banda a Competición de Robots, que acolle a Escola de Enxeñaría Industrial, e que este ano acada o seu 10º aniversario. E da outra, unha iniciativa do alumnado de diferentes titulacións dos tres campus que desde hai anos é quen de situar á Universidade de Vigo no espazo: UVigo SpaceLab.
Saúdavos María del Carmen Echevarría. Grazas por compartir este tempo que dedicamos a falar da UVigo, con todas e todos os que sodes UVigo.
(Créditos musicais:Pixabay: Creative Technology Showreel /Tute Tanks: Tranquil Tunes by PineAppleMusic; Body Shaking Party by Alexey Anisimov; Guns and guns by Oldways; Portugal by PineAppleMusic)