Listen

Description

Oooola ! Un saúdo!

Estamos no mes de maio de 2025 e aquí comeza o sétimo episodio de SONUVigo. Co final do curso cada vez máis cerca, nesta nova entrega do podcast da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo quero invitarvos a que escoitedes á directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Yolanda Rodríguez, coa que conversaremos sobre os seus logo de chegar ao cargo hai uns meses, a elaborción do novo Plan de Igualdade da UVigo, o acoso a través da redes e os ataques que algúns colectivos realizan reiteradamente contra as políticas e logros feministas.

Darémosvos a coñecer e animarémosvos a participar no proxecto Iberarenum, unha iniciativa de ciencia cidadá do Centro de Investigación Mariña da UVigo (CIM) que traballa na creación dun banco con mostras de area das praias da Península Ibérica co obxectivo de comprender mellor os procesos costeiros e os efectos do cambio climático.

Repasaremos o máis destacado da Axenda; falaremos das actividades deportivas nas que podedes participar nos tres campus este final de curso e tamén dos últimos éxitos deportivos dos equipos da UVigo nos Campionatos de España Universitarios e achegarémonos a dous exemplos de “solidariedade e dignidade” en letras maiúsculas. Os premios Consello Social UVigo_Humana 2024  entregábanse recentemente á Axencia de Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina en Oriente Próximo, UNRWA, España, e á delegación galega de Emaús Fundación Social. A través das voces de dúas das súas responsables, Lorena Gamito e Juncal Blanco, redescubriremos o sentido da palabra “humanidade” en toda a súa extensión.

Pero imos comezar este episodio cunha historia de amizade que ten o seu inicio nos Emiratos Árabes Unidos onde os seus protagonistas, Hassan e Mustafa, foron entre os 8 e os 12 anos os mellores amigos. Un día, un deles desaparece e pasan sete anos sen saberen nada un do outro. Pero hai uns meses e través do Centro de Linguas da Universidade de Vigo, ocorre o que ningún dos dous pensaba que puidese suceder: Hassan e Mustafa volveron reencontrase.

Queredes coñecer os detalles desta abraiante historia? Enseguida imos con ela, pero antes recibide un saúdo de Mª del Carmen Echevarría.

Grazas por acompañarnos a través das principais plataformas de audio. Benvidos e benvidas. Comezamos!    

(Créditos musicais:Pixabay: Creative Technology Showreel /Tute Tanks: Tranquil Tunes by PineAppleMusic; Body Shaking Party by Alexey Anisimov; Guns and guns by Oldways; Portugal by PineAppleMusic)