Listen

Description

Un saúdo e benvidas e benvidos ao oitavo episodio de SONUVigo, esa ventá que abrimos cada poucas semanas para asomarnos ao que ocorre na Universidade de Vigo, a través das voces das e dos seus protagonistas.

Un deles é Javier Pérez Guerra, o director de iLingua, o primeiro instituto de investigación do ámbito das Humanidades da UVigo, que integra 80 expertas e expertos en lingua e lingüística, pero tamén noutros ámbitos. Con Pérez Guerra conversaremos sobre os obxectivos deste centro, que tamén pretende trasladar os froitos do seu traballo á sociedade. No campus de Ourense coñeceremos o traballo que a docente e investigadora da Facultade de Ciencias Sidonia Martínez desenvolve xunto a un grupo de estudantes no proxecto de aprendizaxe servizo Alimentando un futuro sostible e saudable coa finalidade de fomentar un consumo alimentario responsable co medio ambiente e coa contorna. 

Desirée Rivadulla e Lois Tomás achegarannos desde o campus de Pontevedra onde estudan os graos de Fisioterapia e Educación Infantil, respectivamente, as súas expectativas logo de ser seleccionados para participar no Mundial Universitario de Taekwondo, que se celebrará en xullo en Alemaña. Transcorridos algo máis de dous meses da celebración das eleccións á Xunta de Persoal Funcionario da UVigo, que gañou a CIG, e conformada xa esa Xunta coñeceremos como enfronta o seu presidente, Carlos Mollinedo, esta nova etapa á fronte do órgano de representación do Persoal Técnico de Xestión de Administración de Servizos.

Teremos tempo tamén, neste episodio do podcast da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo de escoitar as reflexións do decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela, co gallo do 25 aniversario dos estudos de dirección, xestión e administración pública na Universidade de Vigo. Na Axenda achegarémosvos algunhas das citas máis destacadas das próximas semanas como a celebración en Vigo da MEGAU ou a exposición que homenaxea no edificio Redeiras a Isaac Díaz Pardo e aínda teremos tempo de descubrir os detalles do labor que as e os voluntarios da UVigo poden desenvolver incorporándose ao servizo de acompañamento hospitalario na área sanitaria viguesa.

Feitas as presentacións de quen nos vai acompañar neste episodio de SONUVigo, recibide un saúdo de María del Carmen Echevarría neste recta final do curso 24/25 que vén marcado tamén  pola celebración das probas de acceso á Universidade. Os campus de Vigo, Ourense e Pontevedra acolleron ao inicio de mes as PAU nas que participaron máis de 5300 estudantes de toda Galicia, con cuxas testemuñas arrancamos.

Grazas por acompañarnos!

(Créditos musicais: Pixabay: Creative Technology Showreel e TuneTank: Fashionable_by_alexguz; ; Surfing!_by_automaticbananas; My-name-is-rock_by_romanov_studio; Feel-good_by_99instrumentals; Hot-pursuit_by_kyvali; Progress_by_corporate-sound)